21/6/17

Xa foi a X Xornada dos Clubs de lectura

E para todas e todos os participantes ficará sempre a alegría que se vivíu alí por sabérmonos integrantes da sociedade lectora que a milleiros de mans estamos construíndo (entre todas as persoas creadoras, todas as persoas lectoras, todas as mediadoras...). O programa previsto cumpríuse ao completo e a rapazada disfrutou pero, sobre todo, demostrou que hai milleiros de mozos e mozas en Galicia que lén de forma voluntaria e disfrutan facéndoo. Iso non sería posible sen a profesionalidade e o compromiso dun profesorado que exerce de mediador tomando un rol diferente ao do docente nas aulas, acompañando e orientado, guiando sen abafar, pero sen abandonar os seus obxectivos pedagóxicos en ningún momento. Parabéns a tod@s!

Velaquí máis información sobre o desenvolvemento desta xornada:

26/5/17

Clubs de lectura: informe do curso 2015/2016

Alumnado do clubs de lectura do IES San Mamede (Maceda, Ourense)
Cos datos recollidos a través das memorias de actividades dos clubs de lectura durante o pasado curso 2015/2016 a Asesoría de bibliotecas escolares elaborou un breve informe que permite achegarse a esta realidade de lectores e lectoras espallada pola país adiante.

16/5/17

Unha década de clubs de lectura. Haberá que celebrar!

O 17 de xuño, en Compostela, celebrarase unha gran "quedada lectora" de integrantes dos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia. Unha boa representación dos preto de 11.000 lectores e lectoras que, de forma periódica, se xuntan para compatir experiencia arredor dos libros e da lectura polos institutos e outros centros de ensino galegos, terán a oportunidade, xunto co profesorado que coordina estes clubs, de atoparse, compartir lecturas, experiencias e un importante número de actividades en compañía de autores e autoras (Pedro Feijoo, Marcos Calveiro, Ledicia Costas, Carlos Negro, Rosalía Fernández Rial, Suso Fraga, Andrea Maceiras, Rosa Aneiros, Miguelanxo Prado, María Reimóndez, Miguel Anxo Fernández, Antón Riveiro Coello, Antía Otero, Xosé Tomás, Fran Alonso, Berta Dávila, Tamara Andrés e Francisco Castro). Entre outros participantes nesta X Xornada dos Clubs de Lectura, Óscar López, xornalista cultural (Página 2), ou Luís Pardo (cadena Ser); críticos como Ramón Nicolás ou Montse Pena Presas; expertos do mundo da dobraxe (Anxos Ferradáns) e do cine (Jorge Coira) ou narradoras, como Soledad Felloza,  compartirán coas lectoras e os lectores o seu tempo e as súas experiencias. As regueifas, o rap, o graffiti tamén estarán presentes, así como o teatro, o circo e a música tradicional galega (Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre). Haberá sesións específicas para profesorado que coordina os clubs de lectura, con Inés Miret e Mercedes Queixas. O final literario correrá a cargo de César Mallorquí, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2013 e Premio Cervantes Chico 2015 a toda a súa obra xuvenil,  un dos autores en lingua castelá máis lidos polos clubs de lectura ano tras ano.
Unha grande celebración co gallo dos dez anos continuados da iniciativa CLUBS DE LECTURA nos centros de ensino secundario de Galicia, dentro do programa HORA DE LER para o fomento da lectura no ámbito educativo.

26/4/17

Miguelanxo Prado, Premio dos Clubs de lectura 2017

O pasado 21 de abril, na proximidade do Día Mundial do Libro, o Portal Educativo da Consellería de Cultura, Educación e O.U.publicaba a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se concede o Premio dos Clubs de Lectura 2017 ao ilustrador e autor de banda deseñada MIGUELANXO PRADO. 

Miguelanxo Prado foi un dos autores máis lidos polos clubs de lectura no curso 2015/2016.  O premio seralle entregado o 17 de xuño na que será a X Xornada dos Clubs de Lectura, e que se celebrará en Compostela coa asistencia de un milleiro de lectores e lectoras, entre profesorado e alumnado, en representación dos máis de 11.000 lectores dos clubs de lectura de Galicia, do ámbito educativo.. 
 
Este galardón, creado en 2015 para recoñecer o apoio dos escritores e escritoras galegas aos mediadores no seu labor de fomento da lectura con adolescentes e mocidade, concédese cada ano a un autor ou autora diferente, en función das lecturas realizadas polos clubs, de forma autónoma, no curso anterior. Foron xa galardonados con este Premio dos Clubs de Lectura Agustín Fernández Paz e Ledicia Costas.

20/1/17

As 40 autoras e autores máis lidos polos Clubs de lectura no curso 2015/2016

Revisadas as lecturas realizadas polos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia durante o curso 2015/2016, coñecemos os autores e autoras escollidos preferentemente polo lectorado neste período, sempre dentro das actividadees dos 239 clubs de lectura que recibiron axudas a través da convocatoria da D.X. de Centros e Recursos Humanos para o seu funcionamento. O número de títulos lidos fai referencia ao total de lectura de cada autor escollidas polo conxunto dos clubs. 

Agustín Fernández Paz lidera unha vez máis esta táboa na que tamén atopamos poetas ou autores de banda deseñada. Observamos, así mesmo, que son 13 as autoras que aparecen nesta relación dos 40 autores/as máis lidos, con obras seleccionadas polos lectores e lectoras. 

Autores/as máis lidos nos Clubs de lectura
Curso 2015/2016
Nº orde
Autor/a
Títulos lidos
(entre todos os clubs)
1
Agustín Fernández Paz
98
2
Ledicia Costas
70
3
Manuel María
61
4
René Goscinny
46
5
Jordi Sierra i Fabra
39
6
Miguelanxo Prado
31
7
Pedro Feijoo
29
8
Manuel Núñez Singala
29
9
Domingo Villar
29
10
Andrea Maceiras
26
11
Ágatha Christie
25
12
Xosé Neira Vilas
25
13
Manuel Rivas
25
14
Paco Roca
24
15
Carlos Negro
23
16
Marcos Calveiro
22
17
María Reimóndez
21
18
Francisco Castro
20
19
Elena Gallego Abad
20
20
César Mallorquí
20
21
Fran Alonso
19
22
Roald Dahl
19
23
Anxo Fariña
19
24
John Green
19
25
Edgar Allan Poe
18
26
Fina Casalderrey
18
27
J.R. Palacio
18
28
Laura Gallego García
17
29
Mark Haddon
17
30
Jacqueline Kelly
17
31
Xabier Puente Docampo
17
32
Antón Riveiro Coello
16
33
J.D. Salinger
16
34
Art Spiegelman
16
35
Rosa Aneiros
15
36
Berta Dávila Fernández
15
37
Alfredo Gómez Cerdá
15
38
Carlos Ruíz Zafón
15
39
Marina Mayoral
14
40
Dolores Redondo Meira
14

Resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2016/2017

 Alumnado do IES Rodeira (Cangas do Morrazo) nunha reunión do club de lectura.

O Portal Educativo publicaba o pasado 30 de decembro de 2016 a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se asignan as contías destinadas ao funcionamento de clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario de titularidade da consellería, para o curso 2016/2017. Segue aumentanto o número de centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, que poñen en marcha un club de lectura con un ou varios grupos de lectores e lectoras. Neste curso 2016/2017 recibirán axuda da consellería un total de 243 centros. 

21/10/16

De libros e amig@s

O club de lectura do IES Francisco Aguiar, de Betanzos, conta con varios grupos de lectura. Velaquí un vídeo que amosa a alegría de estaren xuntos e de compartir experiencia lectora.

22/9/16

Convocatoria de clubs de lectura para o curso 2016/2017.

O pasado 1 de setembro publicábase a convocatoria destinada a incentivar o funcionamento dos clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia para o curso 2016/2017, por un importe global de 210.000€. 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro. 

12/7/16

Crear vínculos coa lectura, desde a lectura, para a lectura



Desde o Club de lectura do CPI O Progreso, de Catoira, achégannos este vídeo-resume das actividades levadas a cabo durante o curso 2015/2016, así como da xornada compartida co Club de Lectura Os Trasnos dos libros, do IES de Poio. Un bo exemplo do moito e bo que se coce nos clubs de lectura de ámbito educativo de Galicia.

4/7/16

Vídeo resume da IX Xornada dos Clubs de Lectura

Velaquí o vídeo resume do que foi a IX Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o pasado 10 de xuño, coa asistencia do profesorado dos 239 centros de ensino secundario de Galicia que contaron este ano con axuda para o funcionamento dos seus correspondentes clubs de lectura.

30/5/16

IX Xornada dos Clubs de lectura

Chega xuño e con el a que será a IX Xornada dos Clubs de lectura, que reunirá en Compostela ao profesorado que coordina clubs de lectura en 239 centros de ensino secundario distribuídos por toda Galicia.

26/4/16

Ledicia Costas, Premio dos Clubs de Lectura 2016



Co gallo do 23 de abril, Día Mundial do Libro, o Portal Educativo publica a resolución da  Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se fai pública a concesión do Premio dos Clubs de Lectura 2016 á escritora Ledica Costas. 

Este galardón, creado no ano 2015, busca o recoñecemento das autoras e autores galegos que poñen a disposición dos mediadores de lectura textos de interese que serven para estimular a lectura en galego entre os máis novos. Téñense en conta, para a concesión, os datos recollidos das memorias dos Clubs de lectura correspondentes ao ano anterior, e que xa se fixeron públicas neste blogue. Na primeira convocatoria foille entregado o Premio dos Clubs de Lectura a Agustín Fernández Paz. 

22/12/15

Resolución Clubs de lectura para 2015/2016

 Na imaxe, mozas e mozos do Club de Lectura "A poza da moura", do IES A Paralaia (Moaña)  

Publicouse xa no Portal Educativo a Resolución de 21 de decembro, da D. X. de Centros e Recursos Humanos, relativa á convocatoria dos Clubs de Lectura en centros de ensino secundario de Galicia, pola que se asignan contías para apoiar o funcionamento destes clubs durante o curso 2015/2016. Distribuíronse un total de 200.000€ entre os 239 centros que presentaron as súas solicitudes en tempo e forma. Para ilo tívose en conta, tal e como contemplaba a convocatoria, a memoria de actividades do curso anterior, o número de grupos e de lectores e lectoras participantes,así como o compromiso coa lectura en lingua galega.

17/12/15

As 40 autoras e autores máis lidos polos Clubs de Lectura no curso 14/15

Á vista das lecturas realizadas polos Clubs de lectura dos centros de ensino secundario e postobrigatorio de Galicia durante o curso 2014/2015, coñecemos os autores e autoras máis lidos polo lectorado neste período, sempre dentro das actividades dos 228 clubs de lectura que recibiron axudas a través da convocatoria da D. X. de Centros e Recursos Humanos para o seu funcionamento. O número de títulos lidos fai referencia ao total de lecturas de cada autor escollidas polo conxunto dos clubs.

Resulta de gran interese ver entre os autores máis lidos a poetas e autores de banda deseñada. Tamén  é salientable a presenza de autores clásicos entre os máis lidos.

11/12/15

Os clubs de lectura e o plurilingüísmo

Á vista dos títulos lidos nos clubs de lectura  dos centros de ensino secundario no curso pasado (2014/2015), as lecturas feitas en galego superan, escasamente, as realizadas en lingua castelá, a pesar de que a convocatoria incentiva a lectura en lingua galega. Outros idiomas presentes: francés, inglés, portugués, alemán, italiano... Aquí a presenza das Escolas de Idiomas  amplía o abano de lecturas neste aspecto: 

Os 50 títulos máis lidos nos Clubs de Lectura - 2014/2015

No curso 2014/2015 funcionaron clubs de lectura, con apoio do programa de Clubs de Lectura, da D. X. de Centros e Recursos Humanos (Consellería de Cultura, Educación e O.U.), nun total de 228 centros educativos que matriculan alumnado de ESO, BAC, FP ou ensinanzas de réxime especial. Trala lectura das memorias destes clubs de lectura correspondentes, dífúndense algúns datos de interese: 

2/9/15

Convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2015/2016

Na imaxe, alumnas e profesroa do IES Monte Castelo (Burela), nunha sesión do club de lectura.

O Portal Educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe unha nova convocatoria de axudas para o funcionamento de clubs de lectura en centros públicos que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, para o curso 2015/2016, por un importe global de 200.000€. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2015. 

Esta iniciativa intégrase no programa HORA DE LER, para o fomento da lectura nos centros de ensino e supón unha aposta da consellería a favor dos lectores e das lectoras.