29/12/14

Resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2014/2015


O Portal Educativo publica hoxe a resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2014/2015. Distribúense a través desta resolución un total de 200.000€ destinados a fornecer de libros aos grupos de lectura na súa meirande parte. Un máximo dun 25% das contías asignadas poderán reservarse para costear as actividades tales como as visitas a bibliotecas e ás  librarías, ou os encontros con outros clubs de lectura  que se veñen organizando.

Uns 8.570 lectores e lectoras  forman parte dos clubs de lectura que están xa en funcionamento nos centros neste curso e son máis dun milleiro as profesoras e profesores que se encargan da súa coordinación ou están implicados directamente no desenvolvemento das súas actividades. Estamos falando dunha realidade social e educativa que afecta directamente a preto de dez mil persoas, unha masa crítica en materia de lectura que non debería desdeñarse. Ben o saben as editoras e os autores e autoras deste país que resultan beneficiados directos deste afán lector que se estende por institutos, escolas de idiomas, conservatorios, centros de formación profesional ou de ensinanzas de persoas adultas.

No hay comentarios: